Saturday 18 de May de 2024

A Xunta retirou xa expedientes xudiciais no marco do Proceso de Expurgo en 34 órganos xudiciais galegos das catro provincias


O director xeral de Xustiza, Juan José Martín detallou no Parlamento os pasos que se están a dar no Proceso de Expurgación da Documentación Xudicial

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín deu conta hoxe na Cámara galega dos pasos que se están a dar no marco do Proceso de Expurgación da Documentación Xudicial na nosa comunidade, polo que xa foron retirados 192.000 expedientes xudiciais procedentes de 34 órganos das catro provincias.

Juan José Martín destacou que o proceso do expurgo da documentación xudicial é un proceso complexo, suxeito a unha normativa rigorosa e sucesivos traballos e trámites, que prolongan no tempo a decisión que, en último termo, ten que adoptar a Xunta de Expurgación, pero sumamente necesario para liberar espazos do arquivo en papel.

O proceso de expurgo de documentación xudicial deu comezo na nosa comunidade na Sala Social do TSXG e nas seccións 3ª e 4ª da Audiencia Provincial de Pontevedra, e concretamente a primeira decisión da Xunta de Expurgación decidiu eliminar 12.235 expedientes (máis de 300 unidades de instalación=caixas) procedentes da Sala do Social do TSXG; órgano piloto onde se inciaron os primeiros traballos do expurgo. Tamén se acordou a conservación dos expedientes de recursos de audiencia en rebeldía da dita Sala do Social e a súa remisión ao Arquivo do Reino de Galicia.

Este mesmo ano, en xuño, a Xunta de Expurgación adoptou un novo acordo, consistente na eliminación de 192.004 expedientes, material que equivale a unhas 4.000 caixas, procedentes de 34 órganos xudiciais das catro provincias galegas. Concretamente na provincia da Coruña, na sección primeira, segunda, cuarta e quinta da Audiencia Provincial da Coruña; na Audiencia Territorial de A Coruña/Tribunal Superior de Xustiza da Coruña; na Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; nos Xulgado de Instrución 2, 4 e 7 da Coruña; e nos Xulgados de Primeira Instancia e Instrución 1, 2 e 3 de Betanzos; ademais do Xulgado de Vixilancia Penitenciaria da Coruña.

Na provincia de Lugo elimináronse expedientes da sección primeira da Audiencia Provincial de Lugo; no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Fonsagrada; no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución 2 de Viveiro; e no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución 2 de Mondoñedo. En Ourense foron eliminados expedientes na sección primeira e segunda da Audiencia Provincial de Ourense; no Xulgado de Instrución 1 de Ourense e no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución 2 do Carballiño.

E por último segundo relatou o director xeral na súa comparecencia, na provincia de Pontevedra foron eliminados documentación na sección primeira, terceira e cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra; nos Xulgados de Instrución 1,2,3 de Pontevedra; nos Xulgados de Instrución 5 e 6 de Vigo; e no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución 1 da Estrada; no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución 1 de Lalín; no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución 1 de Vilagarcía de Arousa; no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución 2 de Marín e no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución 2 de Tui.

Martín destacou que recentemente en Pontevedra e Vigo, foron retiradas máis de 12.000 quilos de documentación e elimináronse 50 toneladas de pezas de convición almacenadas nunha nave; así como tamén nos arquivos de Ferrol nos que había unha gran cantidade de pezas depositadas, 3.000 quilos, que foron destruídas, coa conseguinte liberación de espazo.

Na actualidade habilitáronse espazos fóra dos edificios xudiciais para o traslado de expedientes que xa gravaron os órganos xudiciais na aplicación informática facilitada polo Goberno galego, pero cuxa destrución non foi aprobada aínda pola Xunta de Expurgo. Así na Academia Galega de Seguridade Pública foi trasladada documentación; así coma ao Edificio administrativo de Campolongo, en Pontevedra, e outros locais.

Proceso de Expurgación
O proceso de expurgación enmárcase no Plan de organización dos arquivos xudiciais e expurgo da documentación xudicial que leva a cabo a Xunta de Galicia. Este plan pretende dar resposta á necesidade de desconxestionamento que padecen os arquivos xudiciais. En Galicia existen 50 arquivos xudiciais, os do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, as catro Audiencias e os 45 partidos xudiciais; algúns deles con expedientes que datan do seus inicios a comezos do século pasado. Estimase que en total estean almacenados uns 3 millóns de expedientes, con máis de 150 millóns de folios.

Por isto, o labor de expurgo que está a levar a Xunta busca seleccionar as cantidades inxentes de papel acumulado, gañar espazos para a sede xudicial, conservar adecuadamente os documentos con valor histórico e facilitar o acceso á documentación nos arquivos xudiciais, hoxe en día desbordados.